Cultura

Libros

Colaboración con Armando Requeixo no Diario Cultural
Libros

Listaxe de episodios

Temporadas do programa
20 episodios
Imaxe do podcast A afogada, premio Ánxel Fole

20# A afogada, premio Ánxel Fole

Armando Requeixo convídanos a ler 'A afogada', a novela de Rocío Leira. 'A afogada' (Xerais) é o título co que a profesora e escritora ceense Rocío Leira obtivo o XXII Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo. Laura Suárez, a protagonista desta historia, é unha moza superdotada con dificultades de adaptación social que unha noite de outubro desaparece entre as ondas bravas de Riazor ante a ollada expectante da súa mellor amiga e do seu mozo. Mais o que de primeiras semella un triste accidente, pronto vai adquirir outro cariz cando, ao pasar dos días, o cadáver da rapaza non aparece e Manuel Cifuentes, o experimentado mergullador responsable do caso, comece a ter serias dúbidas de que fose un afogamento.

  • 20/09/2021
  • Duración 8:55
Imaxe do podcast Destempo, relato de reencontros e desencontros

19# Destempo, relato de reencontros e desencontros

Armando Requeixo achéganos á lectura de 'Destempo', anovela de Silvia Bardelás. 'Destempo' (Barbantesa) é á vez o relato dun reencontro e dun desencontro: o dunha avoa que lle pide ao seu neto que regrese a Galicia dende EE.UU. para pasar con ela un verán que acaba por mudar a vida de ambos os dous. Narración chea de reflexións sobre o paso do tempo, o sentido da existencia, o sentimento de pertenza a un lugar e unha familia e tamén de consideracións sobre a identidade, a capacidade de mudar o noso destino e as idealizacións do pasado, esta historia é un canto á loita polas revolucións interiores e o afán por liberarnos dos atumes vitais que nos aferrollan.

  • 20/09/2021
  • Duración 5:56
Imaxe do podcast Cicatrices do aire

18# Cicatrices do aire

Lemos con Armando Requeixo as 'Cicatrices do aire' de Emma Pedreira. Editada en Toxosoutos, esta é a novela curta coa que Emma Pedreira gañou o XIX Certame literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos. Unha enigmática anciá centenaria é a protagonista desta historia. Cega e vagabunda, a súa vida consiste en ir contando historias a cambio dunha sede de auga, un codelo de pan e a vontade. E iso é o que fai cando chega á porta da casa dunha familia e senta nun escano baixo unha laranxeira para comezar a contar e cambialo todo…

  • 20/09/2021
  • Duración 12:6
Imaxe do podcast O retorno dos homes mariños

17# O retorno dos homes mariños

Recuperamos con Armando López Requeixo a lectura de 'O retorno dos homes mariños', a obra coa que Xurxo Souto comezou a súa andaina novelística hai máis de dúas décadas e que agora volve reeditarse. 'O retorno dos homes mariños' (Xerais) é o relato dunha Coruña atlántica, enxebre e bravú da man de dous personaxes ben xenuínos: Mercedes, unha moza heavy que traballa nun taller téxtil do Orzán para Inditex e soña con percorrer o mundo sendo unha estrela musical, e mais Eco, coñecido polo sobrenome de O Agoiro das Lagoas, un rapaz que estudou FP porque quería ser antenista nun momento no que a televisión por cable vai invadíndoo todo. Ambos os dous personaxes teñen unha especial conexión cos homes mariños, uns seres metade humanos metade peixes que poboan as costas coruñesas e que se deixan ver en contadas ocasións.

  • 20/09/2021
  • Duración 6:5
Imaxe do podcast A realidade de Manuel Darriba

16# A realidade de Manuel Darriba

Armando Requeixo fálanos da novela de Manuel Darriba, 'A realidade' (Xerais), unha obra que nos achega ao deambular de Ganzúa, un escritor frustrado que, nun escenario futurista e caótico, percorre as rúas dunha cidade innominada cruzándose con diversos personaxes namentres lembra a súa vida pasada, imaxina o seu final e tenta sobrevivir cando está a punto de se desatar unha revolta civil entre clases sociais. Innovadora e desacougante, esta narración debuxa un futuro caótico no que seguen a palpitar as grandes interrogantes de todo tempo: que é o real?, cal é a nosa verdadeira identidade?, e que sentido ten a nosa viaxe vital?

  • 20/09/2021
  • Duración 9:0
Imaxe do podcast O baile de Némirovsky

15# O baile de Némirovsky

Armando Requeixo ap`roxímanos á lectura de 'O baile', a coñecida novela de Irène Némirovsky que acaba de ser traducida ao galego por Moisés Barcia para a Editorial Rinoceronte. 'O baile' mergúllanos no fastoso París de comezos do século XX da man de Antoinette, a filla dos adiñeirados señores Kampf, unha moza á que súa nai humilla tratándoa de xeito asoballador e seu pai simplemente obvia. Nese contexto tan pouco edificante, Antoinette, ferida no máis fondo do ser, tratará de se vingar. Escrita cun estilo moi depurado, de traballada sinxeleza, esta novela breve é todo un clásico da escrita europea do seu tempo que, por fortuna, podemos ler xa na nosa lingua.

  • 17/09/2021
  • Duración 6:42
Imaxe do podcast O peso do cerebro

14# O peso do cerebro

Armando Requeixo comenta para nós 'O peso do cerebro', a máis recente novela de Xesús Constela. 'O peso do cerebro' (Xerais) é o relato da fuga desorientada dun vello con demencia senil que escapa da súa casa e se bota ás rúas da cidade guiado polos seus recordos e vestido estrafalariamente. Polo camiño, a súa mente faino acompañarse dunha sorte de procesión fantasmal de personaxes que só poboan a súa cabeza desvariada e que o ensimesman, aínda máis, no seu estraño deambular. Mais 'O peso do cerebro' é tamén unha narración sobre a memoria e o seu esfarelamento, sobre a identidade a ela unida e sobre a forza dos recordos. Todo ao tempo que propón unha relectura crítica da situación e da historia recente da ben recoñecible “cidade barco” na que acontecen os feitos.

  • 17/09/2021
  • Duración 8:30
Imaxe do podcast A Galicia que se liberaba sexualmente

13# A Galicia que se liberaba sexualmente

'Nus', de Manuel Gago, é a novela á que nos convida nesta ocasión Armando Requeixo. 'Nus' (Xerais) mergúllanos na Galicia dos primeiros oitenta a través das lembranzas dun vividor que experimenta a liberación sexual no medio das loitas nudistas desa altura, ao tempo que vai escalando politicamente axudado polo seu cinismo e incredulidade. Mais 'Nus' é tamén un documento sociolóxico que analiza a Galicia da Transición, a revolución ideolóxica que entón se produciu e como a loita libertaria foi do sexual ao político pasando polo económico e anticlasista.

  • 17/09/2021
  • Duración 9:33
Imaxe do podcast Cóntamo outra vez, Rick

12# Cóntamo outra vez, Rick

Armando Requeixo recomenda o último libro de relatos de José Ángel Xesteira, 'Cóntamo outra vez, Rick', publicado pola Editorial Galaxia. 'Cóntamo outra vez, Rick' reúne once historias que se contan un grupo de periodistas namentres pasan a noite no hall dun hotel do Caribe agardando a que desapareza unha tormenta tropical que impide que o seu voo os traia de volta a Galicia. Relatos ambientados no Nadal, na Casablanca do famoso filme, lembranzas de mocidade, vivencias de dandis de aldea, contos ferroviarios, narracións de vodas vinculeiras e de amores fatais, xornadas de caza, curiosas andainas de fotógrafos de feira e ata rememoracións cuatelarias do atentado de Carrero Blanco constitúen o dispar contido deste libro cheo de agradables sorpresas.

  • 17/09/2021
  • Duración 6:9
Imaxe do podcast Obra de Xela e sobre Xela

11# Obra de Xela e sobre Xela

Co gallo do Día das Letras Galegas, Armando Requeixo fai un repaso polas publicacións aparecidas arredor da figura de Xela Arias, a autora á que no 2021 se lle dedica a efeméride. Entre os libros consagrados á escritora homenaxeada cóntanse reedicións dos seus poemarios, antoloxías dos seus versos, a exhumación dalgunha obra inédita e diversos ensaios que analizan a súa biobibliografía. Poeta e tradutora, editora e profesora, ocasional narradora e articulista, a figura de Xela Arias constitúe unha referencia fundamental da literatura galega das últimas décadas, o que espellan todas estas publicacións xurdidas ao abeiro da celebración do 17 de maio a ela dedicado.

  • 16/09/2021
  • Duración 10:6
Imaxe do podcast O libro cero onde emprender a viaxe

10# O libro cero onde emprender a viaxe

Armando Requeixo achéganos a 'O libro cero', a última novela de Jorge Emilio Bóveda. 'O libro cero' (Galaxia) é un relato sobre o relato, unha novela que reflexiona sobre o que entendemos como realidade e sobre o propio feito da escrita. Pastor Páez, un expolicía nacional, emprende unha viaxe para atopar un “punto cero” dende o que recomezar de novo a súa vida, o que o levará ata Madrid primeiro, Londres despois, e, finalmente, Atenas, o berce da nosa civilización e, polo mesmo o lugar onde todo comezou.

  • 16/09/2021
  • Duración 8:34
Imaxe do podcast A literatura galega na ollada de Emilia Pardo Bazán

9# A literatura galega na ollada de Emilia Pardo Bazán

Con Armando Requeixo relembramos a figura de Emilia Pardo Bazán, da que o 12 de maio do 2021 se cumpriu o centenario do pasamento. O libro escollido para facelo é 'A literatura galega na ollada de Emilia Pardo Bazán', unha monografía da autoría de Manuel González Prieto publicada pola Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e a Real Academia Galega. Neste volume, prologado polo profesor Xesús Alonso Montero, lévase a cabo un completo repaso aos textos nos que a autora coruñesa se pronunciou sobre os escritores galegos e as súas obras, que son aquí antologados e comentados.

  • 16/09/2021
  • Duración 7:26
Imaxe do podcast A vida secreta de Úrsula Bas

8# A vida secreta de Úrsula Bas

Armando Requeixo convídanos á lectura de 'A vida secreta de Úrsula Bas', a última novela de Arantza Portabales. Publicada en Galaxia, 'A vida secreta de Úrsula Bas mergúllanos na trepidante historia do secuestro dunha famosa escritora que terán que investigar os policías Santi Abad e Ana Barroso, da Comisaría de Santiago de Compostela. Cheo de reviravoltas inesperadas, este relato é ao tempo un intenso thriller policial e tamén a viaxe duns personaxes na procura da súa verdadeira identidade. Novela negra e psicolóxica, cun avolto océano de afectos a envolvelo todo.

  • 16/09/2021
  • Duración 6:43
Imaxe do podcast A través dos ollos dunha carteira

7# A través dos ollos dunha carteira

Armando Requeixo fálanos da última novela de Santiago Lopo. 'A carteira' (Xerais) achéganos á vida dunha rapaza nova que é chamada das listas de substitución de Correos e acaba destinada nunha cidade que non é a súa e que descoñece, polo que terá que aprender o oficio ao tempo que vai afacéndose aos peculiares habitantes da súa zona de reparto. A empregada postal vainos desvelando no día a día as complexas vidas daqueles cos que se cruza e aos que leva envíos. Deste xeito, o desempeño do seu traballo amósanos todo un calidoscopio de seres que, por xunto, conforman un singular enxame de existencias dalgún xeito interconectadas e, asemade, neste ir e vir da carteira imos tamén sabendo do seu proceso de maduración e exploración interior.

  • 14/09/2021
  • Duración 10:34
Imaxe do podcast Non debeu faltar

6# Non debeu faltar

O título ao que nos convida desta volta Armando Requeixo é 'Non debeu faltar' (Toxosoutos), de Xosé Lorenzo Tomé. Esta é a historia dun amor que se abre camiño fronte a todo e fronte a todos, vencendo as tebras dunha España chea de prexuízos e aferrollada politicamente. A mediados do pasado século, unha moza noviña e un crego namoran e deciden seguir adiante coa súa relación, malia teren todo na súa contra. A solución atópana na fuxida ao estranxeiro, mais cruzar as fronteiras non vai ser un traballo doado. Novela breve, escrita en curtos capítulos e un longo flash back, 'Non debeu faltar' regálanos un historia chea de personaxes intensos, que se moven entre as forzas contrarias do amor e do medo e que conseguirán vencer non poucos obstáculos para forxar un futuro xuntos.

  • 14/09/2021
  • Duración 10:15
Imaxe do podcast O regreso de Sibila e de Rosa Aneiros

5# O regreso de Sibila e de Rosa Aneiros

Armando Requeixo convídanos á lectura de 'Sibila', a máis recente novela de Rosa Aneiros. 'Sibila' (Xerais) é unha historia futurista, protagonizada por unha muller que regresa á illa da súa infancia nunha procura que ha resultar unha viaxe interior aos abismos do ser. O sentido de pertenza á tribo, a unión telúrica co lugar do que se procede, a pulsión da maternidade e o poder irrefreable de Eros entrecósense nesta historia para tecer un misterio escuro que agocha, tras un pano de equívocos, a luz cegadora da instinto vital.

  • 13/09/2021
  • Duración 6:42
Imaxe do podcast As nosas normas

4# As nosas normas

Armando Requeixo convídanos á lectura da novela 'As nosas normas', de Carl Jonas Love Almqvist, un clásico da literatura sueca do XIX. 'As nosas normas' (Hugin e Munin) é unha narración curta que foi traducida ao galego por Marta Dahlgren, quen nos achega esta historia pioneira na loita pola igualdade xenérica. Publicada orixinariamente en 1839, o relato do encontro entre o sarxento Albert e a comerciante Sara Videbeck e o seu namoramento durante unha viaxe en barco cruzando o lago Mälaren sorprende pola temperá reivindicación de valores como a distinción entre sexo e matrimonio, a libre unión ou a separación de bens.

  • 13/09/2021
  • Duración 5:22
Imaxe do podcast Trobar do ar

3# Trobar do ar

'Trobar do ar' (Medulia) é o novo libro de Xosé Manuel Lobato. Da man de Armando Requeixo descubrimos esta narración dividida en nove capítulos protagonizados por Aires Ulla do Pico, un imaxinario trobador de fins do século XII e primeiros do XIII criado á beira do Pico Sacro, ao que figura unido por un intenso e máxico vencello que se estende á súa conexión telúrica co Ulla e todo o val que este domina. Escrita cunha prosa requintada, esmaltada de alusións cultas e referencias a diferentes persoeiros das nosas letras, esta narración salienta polo seu forte simbolismo e a suxestiva recreación do tempo e do mundo dos trobadores.

  • 13/09/2021
  • Duración 7:12
Imaxe do podcast A forma de Célebes

2# A forma de Célebes

Armando Requeixo achégase á lectura de 'A forma de Célebes,' unha novela do xornalista Iago Méndez publicada por Galaxia. É o relato dunha historia familiar, das sombras que medran mesmo entre os seres máis próximos e das sorpresas que poden chegar a darnos aqueles que tan ben pareciamos coñecer. A narración tamén supón un mergullo en realidades tales como a violencia estrutural, a soidade dos maiores, a lacra das drogas, as dificultades da emigración e outras circunstancias sociais que cercan a vida de moitas máis persoas das que sospeitamos. Un relato tan duro coma revelador.

  • 13/09/2021
  • Duración 10:24
Imaxe do podcast Alén, o mundo da emigración

1# Alén, o mundo da emigración

Da man de Armando Requeixo mergullámonos na lectura de 'Alén', o novo libro da narradora viguesa María Alonso Alonso. 'Alén' (Bolanda) reúne tres relatos longos que xiran arredor do mundo da emigración en tres tempos: o pasado (a emigración a América nos tempos da Posguerra), o presente (a emigración ás Illas británicas nos nosos días) e o futuro (as migracións a lugares refuxio nun futuro planeta terra devastado). Estas tres historias, malia a súa aparente diversidade, converxen na reflexión que propoñen sobre cuestións esenciais do ser humano, como a loita pola supervivencia, o sentimento de medo e orfandade, a angustia que se abre coa morriña, a dolorosa consciencia de sentirse estranxeiro en terra allea ou o decisivo de non perder as raíces e a conexión cos eidos natais.

  • 13/09/2021
  • Duración 5:45
28 episodios
Imaxe do podcast A unidade e a harmonía da realidade

28# A unidade e a harmonía da realidade

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura do ensaio A unidade e a harmonía da realidade. Complexidade e ecoloxía, unha obra da autoría de Victorino Pérez Prieto. A unidade e a harmonía da realidade (Galaxia) é o resultado de case corenta anos de investigacións e monografías previas que informan moitas das páxinas deste amplo e rigoroso ensaio. Escrito con agradecido pulso didáctico malia a fondura dos asuntos tratados, este ensaio, partindo das achegas tanto da ciencia coma filosofía e da teoloxía, mergúllase no estudo do real como un continuum que se configura nunha unidade harmónica ao modo dun tecido sen costuras, no que cobra sentido o ser humano e as súas relacións cos seus conxéneres e coa Natureza.

  • 12/07/2022
  • Duración 11:1
Imaxe do podcast Que farías por protexer o teu sangue?

27# Que farías por protexer o teu sangue?

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de O meu sangue, a última novela de Diego Giráldez. O meu sangue (Galaxia) é unha historia de amor e morte. David Ledesma, o seu protagonista, namora de Belén, unha rapaza diagnosticada de ELA á que coñece no traballo. Viven, así, unha intensa historia de amor e teñen un fillo antes de Belén finar, deixando a David sumido nunha fonda depresión. Será entón cando, despois dun intento frustrado de suicidio, David emparelle de novo con María e todo cambie. Novela sobre os afectos, sobre a memoria dos seres queridos que se nos foron, sobre a importancia das pequenas grandes cousas que compartimos, esta obra de Giráldez é un canto ao amor máis alá da morte e tamén un axuste de contas coa Parca e as súas crueis decisións.

  • 31/05/2022
  • Duración 13:12
Imaxe do podcast Tomando ‘Unha cervexa Chang’ con Manuel Portas

26# Tomando ‘Unha cervexa Chang’ con Manuel Portas

Esta semana Armando Requeixo proponnos botar un grolo literario con 'Unha cervexa Chang', de Manuel Portas. Esta novela formúlanos unha situación aparentemente simple que logo se revela de gran profundidade: que fariamos se un día, namentres descansamos na beiramar ollando o profundo azul, vemos desaparecer no mar unha rapaza que poucos minutos antes nadaba pracidamente? Avisariamos á policía ou deixariámolo ir porque é unha descoñecida e o asunto non vai connosco e, ademais, ao mellor estamos a preocuparnos por nada? Literatura sobre o azar e a vontade, sobre o insospeitado e o inevitable, Unha cervexa Chang atrápanos na pescuda das razóns últimas da senrazón.

  • 24/05/2022
  • Duración 12:6
Imaxe do podcast Imaxinamos a Galicia de 2054 coa novela ‘Anoitece en Vulgaria’

25# Imaxinamos a Galicia de 2054 coa novela ‘Anoitece en Vulgaria’

Esta semana é ‘Anoitece en Vulgaria’, de Jorge Emilio Bóveda, o título que nos propón coñecer Armando Requeixo. ‘Anoitece en Vulgaria’ (Toxosoutos) é unha novela que acontece nun futuro próximo (2054) e nun momento no que se ten producido xa a Época do Corte, unha etapa na que as humanidades teñen caído definitivamente no arrombamento e só os saberes tecnolóxicos e a practicidade son ben considerados. Nese contexto, un ancián galego apúntase a unha excursión en ferry a unha imaxinaria Illa Galana, próxima á costa da Rías Baixas, onde descobre unha sociedade peculiar cuxo centro son Os Cultivadores, individuos que se dedican a ‘cultivar’ a creación e o estudo desas humanidades anuladas socialmente, o que os converte en seres que son amosados aos turistas como unha rareza. Pouco a pouco o ancián descubrirá que nesta ínsula, aparentemente calma e idílica, se agochan tamén non poucos segredos.

  • 20/04/2022
  • Duración 12:57
Imaxe do podcast A ‘Aldea Buxán’ de Francisco Álvarez Koki

24# A ‘Aldea Buxán’ de Francisco Álvarez Koki

Aldea Buxán é o libro de Francisco Álvarez Koki que nos invita a coñecer esta semana Armando Requeixo. Publicado por Edicións Embora, Aldea Buxán é un conxunto de prosas que se adscriben á fórmula da narrativa memorialística ficcionada, participando por igual do conto, da estampa e da crónica. Escritas cunha linguaxe inxel e próxima, depurada de artificios innecesarios, estas páxinas transmiten autenticidade, recendendo a vida vivida para ofrecer un retrato privilexiado da Galicia dos sesenta e setenta ben vizoso e cheo de matices.

  • 12/04/2022
  • Duración 8:22
Imaxe do podcast O Dublín de James Joyce

23# O Dublín de James Joyce

Esta semana son os 'Dublineses' de James Joyce o libro ao que nos convida Armando Requeixo. 'Dublineses' (Galaxia) reúne quince relatos escritos por Joyce a principios do pasado século que foron publicados por vez primeira en 1914. Aquí aparecen traducidos ao galego nunha excelente versión de María Alonso Seisdedos. O propio Joyce confesou que con este libro pretendeu reflectir a parálise na que vivía o Dublín do seu tempo, aferrollado pola opresión da coroa británica dunha parte e o abafante control da igrexa católica por outra. Ante tal situación, a rutina esmagadora e a imposibilidade de escapar serven en bandexa a traxedia colectiva que esta obra espella.

  • 05/04/2022
  • Duración 11:1
Imaxe do podcast Poñémonos nas botas dunha viaxeira do século IV con ‘Eu son Exeria’

22# Poñémonos nas botas dunha viaxeira do século IV con ‘Eu son Exeria’

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de Eu son Exeria, a narración de Marisa Vidal Collazo que ilustrou Sole Pite Sanjurjo. Eu son Exeria (Galaxia) achéganos á histórica viaxe da mítica Exeria, a relixiosa galega que no século IV viaxou dende a Gallaecia a Roma, Terra Santa e o Oriente Próximo para visitar os máis importantes enclaves da espiritualidade cristiá, unha peregrinación da que deixou noticia no seu Itinerario. Máis de mil setecentos anos despois, a figura de Exeria segue a ser un modelo, especialmente dende a óptica da reivindicación feminista, pois ela simboliza a independencia e iniciativa da muller do seu tempo, un momento histórico transcendente no que o Imperio romano comezaba a esfarelar e unha nova época se estaba a anunciar, non só nos eidos relixiosos, senón tamén nos usos e costumes das xentes do mundo coñecido por entón.

  • 29/03/2022
  • Duración 9:7
Imaxe do podcast ‘Thérèse Desqueyroux’, un clásico francés universal

21# ‘Thérèse Desqueyroux’, un clásico francés universal

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de Thérèse Desqueyroux, un clásico de François Mauriac traducido ao galego por Xavier Senín. Thérèse Desqueyroux (Hugin e Munin) achéganos á vida dunha inqueda rapaza das Landas francesas que vive sumida nun vórtice de sentimentos contraditorios entre os que procura a súa identidade. Equivocadamente, pensa que o matrimonio lles dará solución e decide casar cun rico propietario da veciñanza, mais o casamento, lonxe de ser unha saída, acabará agravando o problema e o seu estado de ánimo irá a peor. Esta novela, unha das máis celebradas da literatura francesa da primeira metade do XX, aborda con lucidez temas como a procura da identidade, o papel da muller no seu tempo, o desexo de liberdade, o valor da familia ou a importancia da consideración social, asuntos que, onte coma hoxe, seguen a ser de grande interese.

  • 22/03/2022
  • Duración 12:47
Imaxe do podcast ‘Isto si é un home’, unha lectura disidente da masculinidade

20# ‘Isto si é un home’, unha lectura disidente da masculinidade

Armando Requeixo propón a lectura de ‘Isto si é un home’ (Galaxia). Francisco Castro presenta en Galaxia o ensaio ‘Isto si é un home. Unha mirada masculina contra o patriarcado’, un libro no que, desde o punto de vista persoal, reflexiona sobre unha sociedade que esixe que os homes sexan “machos”. Fronte a iso, Castro argumenta que non é suficiente con non ser machista, “hai que ser feminista”. A intención do ensaio pode resumirse en non deixar a ninguén indiferente e animar a unha loita activa dos homes contra o patriarcado. Non está tampouco exenta de polémica esta obra, na que Castro fala en primeira persoa e se posiciona como exemplo de Home con maiúsculas. Con todo, é importante saber que os autores homes se suman a abrir o diálogo sobre o feminismo e as novas masculinidades.

  • 15/03/2022
  • Duración 12:4
Imaxe do podcast Cadros e relatos en ‘Imaxes roubadas’ de Nones Araújo

19# Cadros e relatos en ‘Imaxes roubadas’ de Nones Araújo

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de Imaxes roubadas, libro de relatos da autoría de Nones Araújo. Imaxes roubadas (Xerais) reúne unha trintena de minicontos que teñen como característica común o nacer a partir da contemplación dun cadro famoso, de xeito que o relato, a modo de écfrase, é a explicación imaxinaria da escena que se observa. Aínda que as historias ofrecen temáticas, ambientacións e solucións narrativas moi dispares, coinciden na súa brevidade, no emprego da narración omnisciente e nos seus remates sempre sorprendentes.

  • 08/03/2022
  • Duración 5:40
Imaxe do podcast Os retos da amizade en ‘Tres en raia’ de X. M. Martínez Oca

18# Os retos da amizade en ‘Tres en raia’ de X. M. Martínez Oca

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de Tres en raia, a última novela de Xosé Manuel Martínez Oca. Tres en raia (Baía Edicións) é o relato dun reencontro, o que levan a cabo tres vellos amigos de mocidade que regresan a Ourense para se atopar, logo de máis de trinta anos, empurrados pola enfermidade terminal dun deles. Mais esta novela é tamén unha crónica da amizade e da memoria feliz da adolescencia, un tempo onde todos os soños son posibles e o amor compartido converte calquera alianza en indestrutible.

  • 01/03/2022
  • Duración 9:10
Imaxe do podcast ‘Azami’, o cardo de Aki Shimazaki

17# ‘Azami’, o cardo de Aki Shimazaki

Esta semana Armando Requeixo invítanos a coñecer Azami, a novela da escritora canadense de orixe xaponesa Aki Shimazaki. Azami (Rinoceronte) foi traducida ao galego por Sergio Gómez Blanco e preséntanos a vida de Mitsuo, o redactor dunha importante revista nipoa, que pasa os días tranquilo e aparentemente feliz coa súa muller e os seus fillos. Secasí, o encontro casual cun compañeiro dos tempos do colexio vaino mudar todo. Shimazaki mergúllanos nun intensa e delicada historia que nos convida a reflexionar sobre o amor, a felicidade, a perda, a lembranza, os ciumes e a rutina para entender como determinados momentos das nosas vidas son cruciais e as decisións que neles tomemos poden mudar o rumbo do noso futuro para sempre.

  • 22/02/2022
  • Duración 10:22
Imaxe do podcast Celebramos O ano do tigre con Rodolfo e Priscila

16# Celebramos O ano do tigre con Rodolfo e Priscila

Esta semana Armando Requeixo convídanos a ler O ano do tigre, un volume de relatos publicado polo novo selo Rodolfo e Priscila. Lucía Aldao, Xiana Arias, Patricia A. Janeiro, Carlos Lixó e Ismael Ramos son os autores das cinco historias recollidas neste libro, pezas ben diversas pero cun elemento en común: a presenza en todas elas da figura do tigre. Ideado para conmemorar o Ano de Tigre do calendario lunar chinés que comezou este primeiro de febreiro de 2022, todos os relatos aquí reunidos espellan a forza deste mítico animal, mais en distintas vertentes, que van dende o tenro ata o terrible. Literatura felina en estado puro.

  • 15/02/2022
  • Duración 12:52
Imaxe do podcast ‘Os soños de Miguel’ e a narrativa neorrural

15# ‘Os soños de Miguel’ e a narrativa neorrural

Esta semana Armando Requeixo convídanos a ler Os soños de Miguel, a máis recente novela de Manuel Iglesias Turnes. Os soños de Miguel (Xerais) mergúllanos na Galicia rural de fins dos anos sesenta e primeiros setenta, un momento no que a nosa sociedade comezaba a gran transformación que a levou dende as estruturas dunha tradición inveterada e secular á modernidade mecanizada da sociedade do benestar. Miguel, o protagonista desta novela, vivirá en propia pel esa revolución comunal, ao tempo que no individual experimentará o paso da mocidade á idade adulta, na loita por redefinir o seu rol familiar, laboral e afectivo.

  • 08/02/2022
  • Duración 9:36
Imaxe do podcast ‘Soamente unha vez’, a novela negra que non é tal

14# ‘Soamente unha vez’, a novela negra que non é tal

‘Soamente unha vez’, de José Mondelo, é a novela que nos trae esta semana como convite lector Armando Requeixo. En ‘Soamente unha vez’ (Xerais) hai unha desaparición, un cadáver atopado en estrañas circunstancias e un inspector xefe que investiga, pero é calquera cousa menos unha novela negra ao uso. Narrada cun humor ácido, retranqueiro e corrosivo, esta obra acaba con todos os tópicos da novela negra ao tempo que propón unha suxestiva reflexión sobre a hipocrisía social e o volátil dos códigos de conduta.

  • 27/01/2022
  • Duración 14:39
Imaxe do podcast ‘Oito días sen Eva Cortes’, o debut de Sara Vila

13# ‘Oito días sen Eva Cortes’, o debut de Sara Vila

Esta semana Armando Requeixo proponnos a lectura de Oito días sen Eva Cortes, de Sara Vila Alonso. Oito días sen Eva Cortes (Galaxia) gañou o Premio Illa Nova de Narrativa, un thriller no que se nos relata a desaparición dunha moza en estrañas circunstancias e as pescudas da policía para saber dela. No curso da investigación unha afouta xornalista acabará xogando un papel esencial no descubrimento do que aconteceu. Alén da peripecia investigadora, esta novela enfróntanos a interesantes reflexións verbo da ética xornalística, a natureza do amor, o emprego das redes sociais como vía para establecer relacións sentimentais ou a violencia de xénero.

  • 18/01/2022
  • Duración 12:37
Imaxe do podcast A casa da torre e outros relatos inverosímiles

12# A casa da torre e outros relatos inverosímiles

Esta semana o libro de L. C. Carballal titulado A casa da torre e outros relatos inverosímiles é o escollido como convite lector por Armando Requeixo. A casa da torre (Toxosoutos) é un conxunto de trece historias nas que predomina o terror e o elemento fantástico nunha atraente mestizaxe na que se conxungan elementos da tradición lendaria e literaria oral co herdo dos mellores autores europeos deste tipo de escrita. Seres máxicos, presenzas de ultratumba, criaturas demoníacas, espectros, ritos satánicos e moitas outras escuras realidades conviven nestas témeras páxinas, que atrapan pola súa desacougante sedución.

  • 11/01/2022
  • Duración 12:37
Imaxe do podcast Os Golpes de luz de Ledicia Costas

11# Os Golpes de luz de Ledicia Costas

Golpes de luz, de Ledicias Costas, é o título que esta semana nos convida a ler Armando Requeixo. Unha nai separada que retorna co seu fillo pequeno a Galicia dende Madrid para vivir coa súa nai, a avoa do pequeno. Unha nova realidade familiar á que todos terán que afacerse e na que han influír, decisivamente, o pasado e os seus secretos. A complexidade das relacións familiares. A estreita liña que separa a cordura da tolemia e a demencia. Os segredos que erguen muros de silencio entre pais e fillos. A dificultade de adaptarse a un novo lugar tras unha mudanza inesperada. As heroínas reais e as imaxinarias. O instinto de protección da proxenie. A dureza das separacións conxugais. O abuso escolar. A lacra do narcotráfico. A violencia de xénero. Estes e moitos outros máis temas irrigan as arterias deste corpo novelístico de extraordinaria musculatura que é Golpes de luz, un novela narrada a tres voces: a da avoa Luz, a súa filla Xulia e o seu neto Sebas.

  • 30/12/2021
  • Duración 12:51
Imaxe do podcast Do mellor de Nós

10# Do mellor de Nós

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura da triloxía ensaística Do mellor de Nós, responsabilidade de Camilo F. Valdehorras. Do mellor de Nós. Boletín Nós. Escolma Mostrario xeral (Hércules Edicións) é unha moi ampla antoloxía en tres volumes na que se recollen ducias de textos publicados na referencial revista Nós entre 1920 e 1936. Acompañados dun valioso estudo introdutorio do profesor Camilo F. Valdehorras, as tres entregas desta crestomatía recollen e anotan o mellor do aparecido neste histórico boletín, buque insignia da Xeración Nós que ao longo do pasado e do presente ano estivemos a homenaxear por mor do seu centenario.

  • 15/12/2021
  • Duración 7:42
Imaxe do podcast O libro da música: sete relatos para sete notas

9# O libro da música: sete relatos para sete notas

Esta semana Armando Requeixo fálanos de 'O libro da música', volume colectivo de relatos que vén de publicar a Editorial Galaxia. 'O libro da música' reúne sete historias doutras tantas creadoras e creadores galegos; a saber: An Alfaya, Beatriz Maceda, Fernando Fernández Rego, Lois Alcayde Dans, Raquel Castro, Santiago Lopo e Tamara Andrés. Este libro, que contén tantos relatos coma notas musicais existen, constitúe a terceira entrega dunha serie editorial que principiou con 'O libro dos libros' e continuou con 'O libro dos trens'.

  • 07/12/2021
  • Duración 10:48
Imaxe do podcast Perez. Historia dun triunfo de Llerena Perozo Porteiro

8# Perez. Historia dun triunfo de Llerena Perozo Porteiro

Esta semana Armando Requeixo convídanos a ler Pérez. Historia dun triunfo, o novo libro de Llerena Perozo Porteiro. Pérez. Historia dun triunfo (Galaxia) preséntanos a Antonio Pérez Torres, un neno que medra nunha familia cun pai maltratador e que acaba reproducindo a violencia brutal do seu proxenitor cando se fai adulto. A novela lévanos pola vida dun personaxe de machismo agresivo, que medra socialmente e pasa os seus días menosprezando e, o que é peor, mallando as mulleres coas que se cruza. Mais tanta iniquidade non pode quedar inmune…

  • 06/12/2021
  • Duración 14:12
Imaxe do podcast Manuel Antonio entre o rosario e a buguina

7# Manuel Antonio entre o rosario e a buguina

Esta semana Armando Requeixo tráenos novas da aparición de O rosario e a buguina, a máis recente novela de Xosé Ricardo Losada. O rosario e a bugina (Galaxia) é o relato, entre a imaxinación e o histórico, do que foron os tres derradeiros meses de vida do gran poeta rianxeiro Manuel Antonio. Enfermo de tuberculose, Manuel Antonio regresa á parroquia de Asados para pasar os seus últimos días na compaña de súa nai, dona Pura. Entre os dous o entendemento tórnase difícil, pois a nai, relixiosa en extremo, só devece por que o seu fillo acepte a extrema unción, namentres que este esgota o seu último alento en tentar facerlle comprender por que viviu como viviu e deixou escrito o que deixou escrito.

  • 09/11/2021
  • Duración 11:58
Imaxe do podcast Unha rapaza de provincias

6# Unha rapaza de provincias

Esta semana Armando Requeixo proponnos a lectura de Unha rapaza de provincias, a novela curta que vén de publicar Cecilia F. Santomé. Unha rapaza de provincias (Xerais) é a historia de Carmen, unha moza galega que vai pasar un verán a Barcelona para acompañar a súa irmá alí emigrada, Pilar, quen está a piques de dar a luz. Na gran cidade Carmen descubrirá o difícil mundo no que viven os emigrantes e, sobre todo, as fondas desigualdades que dividen a sociedade entre as xentes adiñeiradas da parte alta da capital condal e os humildes traballadores que pasan escasezas nos barrios menos favorecidos do casco antigo. Unha lección de vida que lle fará apreciar con máis forza as pequenas ledicias en compaña da familia e das amizades e botar de menos as súas raíces.

  • 02/11/2021
  • Duración 16:10
Imaxe do podcast ‘Gargantúa e Pantagruel’, un clásico tamén en galego

5# ‘Gargantúa e Pantagruel’, un clásico tamén en galego

Esta semana Armando Requeixo convídanos á nos achegar á lectura dun clásico universal como é Gargantúa e Pantagruel de François Rabelais, traducido ao galego por Henrique Harguindey Banet. Publicado a comezos do século XVI, a presente edición de Gargantúa e Pantagruel (Rinoceronte) actualiza a tradución que Harguindey Banet fixera deste clásico hai agora trinta anos, incorporando novas notas, reformulando certas frases e eliminando algunhas incorreccións da versión publicada hai tres décadas. A obra de Rabelais é un canto á alegría de vivir, á relixión do sorriso e ao gozo dos praceres da boa mesa e da feliz compaña. En palabras do propio autor, o seu pantagruelismo non é senón “vivir en paz, ledicia, e saúde, dándose sempre boa vida”.

  • 26/10/2021
  • Duración 10:40
Imaxe do podcast A velocidade crítica

4# A velocidade crítica

  • 20/10/2021
  • Duración 9:42
Imaxe do podcast No profundo dos nosos medos

3# No profundo dos nosos medos

Esta semana Armando Requeixo convídanos a que leamos Medos, a máis recente novela de Héctor Carré. Medos (Xerais) é un conxunto de doce relatos nos que o escritor coruñés nos achega a múltiples historias que teñen como elemento común a vivencia do medo polos seus protagonistas, o que xustifica e dá sentido ao título do libro. Connatural ao ser humano, a percepción do medo produce unha alerta angustiosa que nestes relatos se revela nas máis diversas situacións, pois os diferentes protagonistas experimentan algún tipo de medo que non sempre se resolve coa súa superación, o que provoca situacións límite que, por veces, os leva a finais insospeitados.

  • 20/10/2021
  • Duración 11:45
Imaxe do podcast O ‘trávelin’ da Compostela dos 80

2# O ‘trávelin’ da Compostela dos 80

Esta semana Armando Requeixo mergulla no ‘Trávelin’ de Antonio Piñeiro, a narración gañadora do último Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey. ‘Trávelin’ (Xerais) é o relato dunha investigación policial e xornalística na Compostela dos anos oitenta. Mais é, sobre todo, o retrato dunha época: o Santiago das riadas estudantís das noites dos xoves, do medre incontrolado dos arrabaldes e de toda a fauna adicta que habitou as marxes daquel tempo. Escrita cunha prosa de extraordinaria precisión e beleza, esta novela destila melancolía pola memoria do que foi e os amores mancados que perdemos polo camiño.

  • 20/10/2021
  • Duración 11:31
Imaxe do podcast Os relatos de Domingo Villar

1# Os relatos de Domingo Villar

Esta semana Armando Requeixo achéganos a ‘Algúns contos completos’, o novo libro de Domingo Villar. ‘Algúns contos completos’ (Galaxia) reúne unha decena de relatos escritos por Villar ao longo de anos, a maioría deles inéditos, algúns outros avanzados nalgún xornal e todos nacidos como narracións orais coas que entreter as xuntanzas familiares. Estas historias amosan un mundo creativo moi diferente ao do Villar autor de novela negra ao que estamos afeitos. Nestes textos o melancólico, o insólito e o humorístico amalgámanse para tecer un universo propio, con protagonistas fascinantes que nos abraian na súa aventura dun vivir fóra do común.

  • 20/10/2021
  • Duración 9:41

Outros programas

Novos podcasts

Imaxe do podcast Lendas, investigación no audiovisual e unha “voráxine” musical

8# Lendas, investigación no audiovisual e unha “voráxine” musical

Hai que animarse un pouco. Imos xogar, veña. Rober trouxo varias lendas galegas non moi coñecidas e Paula, Germán e mais Ángel teñen que adiviñar de que localidade proceden. Non é nada fácil, eh. Pero non todo é xogar, tamén hai tempo para que os protagonistas sexan persoas moito máis interesantes ca nós. Por exemplo Ariadna Cordal, a convidada que trouxo ao Zeta Jesús Silva para falar dun ámbito moi pouco abordado e recoñecido: a investigación no eido audiovisual. O toque musical vén da man da nosa Celia Eiras. Bueno máis coincretamente do artistazo que convidou a pasarse polo programa: Maiko Leinad. Con el descubrimos a orixe do seu nome artístico e unha chea de cousas sobre o seu proceso creativo.

  • 16/01/2024
  • Duración 55:34
Imaxe do podcast Xoias artesanais con Sofía Rivas, investigación académica-arte e flamenco

7# Xoias artesanais con Sofía Rivas, investigación académica-arte e flamenco

Comezamos forte o ano. Nestes tempos de agasallos, que hai máis bonito que unha boa xoia artesanal? Váinolo explicar Sofía Rivas, que coas súas mans crea verdadeiras marabillas. Sabemos de verdade todo o choio que leva facelas? Non é tan doado eh. Tampouco o é impulsar proxectos que se movan entre a investigación académica e a produción artística como o fai Nerea Cordeiro, a artista que nos trae nesta ocasión a nosa colaboradora Sara Donoso. E con Ana Abad bailamos. Bueno, bailar, bailar non. Pero falamos cunha bailarina e pedagoga de flamenco afincada en terras galegas: Ainhoa Linaza.

  • 16/01/2024
  • Duración 57:58
Imaxe do podcast Galardóns do Xuventude Crea e talento dos Novos Cinemas

6# Galardóns do Xuventude Crea e talento dos Novos Cinemas

Como veñen de ser premiados e premiadas as gañadoras dos Xuventude Crea do 2023, quixemos traer a María Alborés, galardoada na especialidade de moda; e Pedro Rodríguez no eido literario coa novela curta ‘Alén da Néboa’. Mentres, Jesús Silva tráenos a experiencia de tres participantes no Novos Cinemas de Pontevedra; e Celia Eiras fainos un repaso por diversas panxoliñas galegas.

  • 16/01/2024
  • Duración 91:35
Imaxe do podcast O que hai máis alá da música ademais do instrumento e o cantante

5# O que hai máis alá da música ademais do instrumento e o cantante

Escoitamos moita música, si. Pero de seguro que reparades menos do preciso en quen a mistura, nos produtores. Ademais, a música é especialmente relevante nas pezas audiovisuais para ambientar e transmitir. Así que hoxe no Diario Cultural Zeta falamos con Sebastian Black, produtor e Luis Álvarez, compositor de bandas sonoras. Sara Donoso, ademais, traeranos a Olaia Sendón e o seu proxecto fotográfico ‘Perpetuando’; e Sica Romero ao escritor Pablo Rañales, que vén de publicar ‘Os afogados’.

  • 12/01/2024
  • Duración 93:1
Imaxe do podcast Paseando entre os carretes de Dan Drigore para entender mellor a arte

4# Paseando entre os carretes de Dan Drigore para entender mellor a arte

Se algo nos gusta neste programa é que nos expliquen e nos fagan entender mellor todo o que envolve ás diferentes disciplinas artísticas. Por iso a visita que nos fixo a fotógrafa e artista audiovisual Dan Grigore deixounos extasiados. Conectamos co proceso de creación dunhas imaxes impactantes e coñecemos de preto aspectos tan abstractos como “espir a alma”. Nesta “éxtase cultural” continuamos coas nosas colaboradoras Celia Eiras e Ana Abad de Larriva. A primeira dálle a volta á tortilla para afondar na crítica musical a través de voz de varios artistas que xa pasaron polo Zeta. Pola súa parte, Ana falou coa artista Constance Hurlé sobre a situación das artes escénicas en Galicia de cara á creación.

  • 10/01/2024
  • Duración 49:19
Imaxe do podcast De Ninghures e unha chea de paixón pola foto e a tradución audiovisual

3# De Ninghures e unha chea de paixón pola foto e a tradución audiovisual

Cremos que por todas as veces que puxemos os temazos de De Ninghures podedes supoñer que nos fascinan. Efectiviwonder. Así que non sabedes a ilusión que nos fai que tres dos seus compoñentes estean no plató do Zeta para contarnos das súas orixes e sobre as curiosidades do videoclip que sacaron de Morena. O programa non baixa o nivel en ningún momento porque tamén está con nós María Suárez para reivindicar o seu labor como tradutora audiovisual a galego (non lle pidades avances de series ou pelis, é top secret). Ademais, deixamos espazo tamén para falar de natureza e paisaxe a través da fotografía, da man de David Torrado, cunha historia ben curiosa.

  • 03/01/2024
  • Duración 49:29
Imaxe do podcast Un mix de Zeta con de Peppa Pig, Eurovisión… e vos traemos á marabillosa Antía Yáñez

2# Un mix de Zeta con de Peppa Pig, Eurovisión… e vos traemos á marabillosa Antía Yáñez

Tiveron que pasar máis dunha ducia de programas para que descubriramos a eurofán que Paula leva dentro. Nesta fantasía de episodio Rober, Amara e Germán teñen que adiviñar a lingua minoritaria (ou minorizada) na que están escritas as cancións eurovisivas que Paula vai soltando. Hai un claro campión. Noutra orde de cousas temos unha visita de luxo: a autora Antía Yáñez vén con Sica para falar, entre outras moitas cousas, de como é a vida dunha escritora millenial como ela. Poñemos o colofón con Iván Márquez, que nos conta como é traballar nun espectáculo de teatro musical como o de Peppa Pig.

  • 02/01/2024
  • Duración 48:31
Imaxe do podcast Entre a Carolina e o gato que se mete nun saco e o FacomFest!

1# Entre a Carolina e o gato que se mete nun saco e o FacomFest!

Paula e Rober han de seguir pensando que a súa infancia lle importa a alguén. Traen neste programa unha canción cada un que lles transporta a eses momentos felices, sen responsabilidades, sen preocupacións… O conto cambiou e este tipo de cancións tamén. Que pasa se as comparamos coas de agora? Este é un programa moi chulo porque visitan o plató compañeiros da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC para contarnos todos os detalles, os preparativos e o estrés previo ao FacomFest, o festival audiovisual que realizan os alumnos do centro. Todo coa presenza do noso queridísimo colaborador Jesús Silva. Como tamén queremos á nosa Sara Donoso, e máis se nos trae a xente tan fascinante como Lois Búa, que nos mete de cheo na arte da creación co propio corpo.

  • 21/12/2023
  • Duración 45:27

Playlists